O grande petroglifo do Bolo de Garabás

Na parroquia ourensá de San Pedro de Garabás, concello de Maside, atopamos un bolo granítico que, ao que parece, lle deu nome á aldea máis cercana. Esta singular peneda do Bolo está situada ao lado dun vello camiño real, do que aínda se poden adiviñar lousados en algúns treitos.

Ocupando case toda a rocha, un grande motivo circular con liñas concéntricas chama a atención pola súa singularidade e polo seu tamaño, de arredor de dous metros de diámetro.

Ademais de certos símbolos cruciformes e posibles coviñas, no centro deste grande círculo gravaron unha cruz de brazos iguais, con técnica máis moderna que a que se aprecia nas liñas concéntricas, posible cristianización de antigas crenzas ou marca de límites territoriais.

Un veciño que paseaba polo lugar (xullo de 2019) asegurou que o petroglifo estaba ao lado dun camiño real e que na zona existían máis penedas con petroglifos, aínda que non tan espectaculares. Tamén manifestou que o símbolo cruciforme non marcaba o actual límite parroquial.

Na páxina 47 dos "Petroglifos de Ourense", de BARANDELA RIVERO e LORENZO RODRÍGUEZ (2004), descríbese así:

"(...) círculo concéntrico formado por seis aneis de grandes dimensións, ocupando case que todo o soporte granítico. Constátase tamén a presenza de varias cazoletas distribuídas entre os aros da composición principal, moitas veces mediando entre cada surco do círculo, para outras veces acabar insculturada dentro do surco que conforma o anel."

En canto aos cruciformes, falan dunha cruz de termo "que demarcaba e divide dúas xurisdicións (...). Ademais, sinalar tamén a presenza doutras dúas cruces a ambos lados (Leste e Oeste) da rocha, de mesma función que a anterior."

As dimensións que dan BARANDELA e LORENZO son as seguintes:  Rocha: 1,95 x 5 m.; gravado: 2,25 x 1,95. Os autores tamén fan referencia a outro petroglifo no lugar con coviñas (cazoletas), algún cruciforme e "dous círculos concéntricos inacabados" que denominan "O Bolo II".

Débese destacar a total falta de sinalización adecuada e o abandono, case comesta a peneda polas silveiras, o que chama a atención por tratarse do petroglifo máis grande da provincia, o máis singular e o máis espectacular. 

Unha vez máis, autoridades que correspondan, fagan notar o seu interese na preservación, estudo e divulgación dos petroglifos, pois nada mellor que o coñecemento para garantir a pervivencia destas  manifestacións culturais que aínda agochan moitos segredos.

BIBLIOGRAFÍA

BARANDELA RIVERO, LORENZO RODRÍGUEZ: Petroglifos de Ourense. Reflexións a un primeiro reconto da arte rupestre prehistorica na provincia. Deputación Provincial de Ourense. 2004.



As eiras do Bolo